“Pontevedra dá de beber a quen pasa” é un dito galego que expresa moi ben a esencia desta cidade: a hospitalidade.
Esta tradición de acollida, reflíctese na Virxe Peregrina, emblema do camiño portugués a Compostela e patroa da cidade, honrada polos pontevedreses cunha curiosa igrexa, monumento nacional, coa planta en forma de vieira!
En Pontevedra todo está a un paso. E hai tanto que ver… Tesouros de verdade, como a colección de ourivaría en ouro do Museo de Pontevedra, única en Europa, con xoias espléndidas de máis de 4.000 anos de antigüidade. E outras xoias máis, a Basílica de Santa María, as Ruínas de Santo Domingo e a Igrexa de San Bartolomeu.
Pero aínda hai máis. Parques, alamedas, paseos polo río en plena cidade e un centro histórico que despois do de Santiago, é o máis importante de Galicia. Arquitectura en pedra con casas brasonadas e habitadas, fontes e xardíns, prazas que rebordan vida e terrazas con ambiente ata a madrugada.
Isto é vida. En Pontevedra xa non se dorme.
O visitante de Pontevedra non debe abandonar a cidade sen pasear pola ribeira do Lérez, recuperada moi acertadamente para o lecer da cidade, pois ofrece ao camiñante un encanto moi evocador, con currunchos moi agradables e que mesmo parecen sacados dun conto.
Na ribeira Norte aparecen os mellores lugares para pasar un momento agradable, e entre eles cómpre recomendar encarecidamente a Illa das Esculturas, na que se pode gozar dun paseo que combina natureza e cultura. Nesta Illa fluvial de 7 hectáreas pódese admirar un variado repertorio de obras escultóricas de grande tamaño de reputados artistas galegos e foráneos ao mesmo tempo que se pasea por un espazo natural de gran valor ecolóxico.
Datos básicos
Número de habitantes (2011): 82.400 hab.
Densidade de poboación: 698 hb/km2
Extensión: 118 km2
Altitude máxima no termo municipal: 0-614 m. eno Monte Castrove.
Temperaturas medias: Media das máximas: 26 º en xuloo; Media das mínimas: 7º en xaneiro; Media anual: 15º.
Precipitacións anuais: 1.500 mm.