Acceso participantes

O Camiño de Santiago

Durante máis dun milleiro de anos, o Camiño de Santiago conduciu aos peregrinos ata o santuario dun apóstolo da Cristiandade: Santiago o Maior. A súa tumba, descuberta unha noite do 813 no monte sagrado do Libredón, baixo unha choiva de estrelas, sería a pedra fundacional dunha prodixiosa Catedral e dunha cidade que, desde entón, atraería as pegadas dos camiñantes ata se converter nun destino co rastro e o eco de toda Europa.

 

tg_carrusel_cabecera_grande

Cada vez que un peregrino se bota andar polos vellos vieiros continentais do Camiño de Santiago, ponse en marcha un antigo mecanismo de busca común a toda a Cristiandade: a viaxe cara á Salvación. E, con el, volve iniciarse a experiencia profundamente humana do propio descubrimento. Así como as rutas que conducen a Santiago son moitas, múltiples son tamén as vías para o achado máis íntimo, ese que aseguran experimentar todos os peregrinos a medida que avanzan polos camiños dos encontros fortuítos ou da soidade, das voces e do silencio, da paisaxe avesía ou a seca chaira, tras unha única meta: Santiago de Compostela.

 

 

MonteDoGozo-

Facendo o Camiño…

O viaxeiro moderno, que percorre as estradas do norte español desde os Pirineos a Galicia, encontra con frecuencia o letreiro de: Camiño de Santiago, acompañado do número de quilómetros que o separan de Santiago de Compostela. As indicacións están pensadas para os que viaxan en turismo e están colocadas nas rutas máis próximas ao primitivo camiño. As sucesivas modernizacións da rede viaria, desde os antigos camiños reais ás estradas nacionais ou autoestradas modernas, borraron en moitos treitos o camiño que pisaron durante séculos os peregrinos. Pero algunhas veces as actuais estradas non seguen exactamente o Camiño medieval. Daquela é cando os practicantes do “turismo lento”, a pé, a cabalo ou en bicicleta, poden rastrexar o primitivo trazado. Este trazado orixinal conserva en moitos traxectos o empedrado, os fitos do camiño, os antigos hospitais, as ermidas-refuxio, as fontes, as cruces, as antigas pontes…